Procesionaria do piñeiro
FOTO · TILOOM
A procesionaria do piñeiro, Thaumetopoea pytiocampa, é unha praga moi importante nos campos de golf con piñeirais, especialmente da zona sur e do centro de España. Trátase dunha eruga, é dicir, a fase larvaria deste lepidóptero (bolboreta) de ciclo biolóxico anual. Os individuos adultos, as bolboretas, realizan a súa posta a finais de verán sobre as ramas apicais dos piñeiros e cedros, formando niños, bolsóns. Un mes máis tarde nacen as erugas, que saen dos niños polo día para alimentarse dos brotes novos de acículas (agullas ou follas dos piñeiros), ata que na primavera baixan ao solo para enterrarse; desprázanse a zonas cálidas buscando unha temperatura óptima de 20º C, van en fila coa femia encabezando a procesión, de aí o seu nome de procesionaria.

As especies de piñeiros máis susceptibles de seren atacadas son: Pinus nigra, Pinus canariensis, Pinus sylvestris, Pinus pinaster, Pinus halapensis e Pinus pinea.
Métodos de loita :
- Trampas con feromonas sexuais da femia, de forma que atraen os machos que quedan atrapados, evitando a fecundación das femias. Método útil cando a infestación é baixa. A realizar cando as crisálidas eclosionan e saen os individuos adultos, é dicir, no verán.
- Eliminación manual dos bolsóns.
- Barreiras físicas. A certa altura do piñeiro colócase un cono arredor do tronco; ao descender, as erugas quedan atrapadas e morren por inanición.
- Insecticidas químicos convencionais, piretroides como a alfacipermetrina, deltametrina… a aplicación ha de ser no inverno, cando as larvas son novas.
- Métodos biolóxicos, fomento de aves insectívoras tales como os ferreiros e os ferreiriños azuis; uso de Bacillus thuringiensis (bacteria) que produce unha endotoxina, de aplicación no outono. Tras a aplicación aos piñeiros, é inxerida polas erugas e provócalles a morte.



