Valor neutralizante
FOTO · TILOOM
Durante as emendas do solo é imprescindible coñecer o valor neutralizante dos produtos que se están utilizando. Pero antes de ver ese número imos coñecer que significa para aproveitar ao máximo as súas capacidades.
Á hora de realizar unha emenda de encalado non sempre se pode atopar nunha zona próxima o material desexado para realizar esa emenda. E existen distintas consideracións para decidir que material usar: a súa granulación, a súa pureza, o custo, a dispoñibilidade ou a distancia, polo que o abano de opcións vese considerablemente reducido.

As emendas calizas úsanse para corrixir solos ácidos ou solos afectados por altas concentracións de sodio.
Se o obxectivo é o aumento do pH, pódese escoller multitude de materiais que cumprirían esa función no solo. Pódese usar, por exemplo, todo tipo de carbonatos ou óxidos e hidróxidos de calcio e magnesio. E mesmo en ocasións mestúranse estes materiais. É por iso que se determinaron distintos parámetros que permiten unificar o valor neutralizante do material:
- Valor neutralizante total (VNT)
Estableceuse un material base co cal se comparan o resto de materiais para coñecer a capacidade de neutralizar as fontes de ácidos do solo. Ese valor establécese referenciado ao efecto que realizaría o carbonato cálcico equivalente.
- Equivalencia de carbonato cálcico (ECC)
Para poder comparar distintos materiais establécese que o carbonato cálcico (CaCO3) ten unha capacidade alcalinizante do 100%.
| Nome común | Fórmula química | ECC |
| Carbonato cálcico | CaCO3 | 100 |
| Carbonato de magnesio | MgCO3₃ | 119 |
| Cal | CaO | 179 |
| Cal hidratada | Ca(OH)2 | 136 |
| Dolomita | (Ca,Mg)CO3 | 109 |
Dependendo do material pode ser máis ou menos efectivo ca o carbonato cálcico e ás veces o material pode conter outros materiais menos puros cuxa fonte é a canteira ou outras adicións.
- Valor neutralizante efectivo (VNE)
O explicado anteriormente cae dentro do saco da teoría; ao final, para poder coñecer o valor neutralizante dun material hai máis variables que só a súa natureza química.
Unha variable moi importante é a súa granulometría. Un material que pasa por unha malla 100 (cunha luz de 0,149 milímetros) reaccionará no primeiro ano. O material anteriormente descrito terá unha efectividade de 1.

Se temos outro material no que o 50% do material pasa pola malla 100 e o 90% pasa pola malla 20 (cunha luz de 0,841 milímetros) terá unha efectividade menor. Exactamente o factor de efectividade será de [(90-50)*0.6+50]/100=0.74
Tras explicar a finura, determínase o valor neutralizante efectivo como a fracción de material que reaccionará coa acidez do solo o primeiro ano de aplicación. Un material de encalado cunha equivalencia de carbonato cálcico (ECC) do 85% coa finura do exemplo anterior (0.74) terá un valor neutralizante efectivo de 85*0.74=62.9.
O explicado anteriormente é importante para coñecer o custo real do produto. Non só inflúe a distancia da canteira á hora de realizar este tipo de aplicacións, tamén é importante coñecer a cantidade de material que se vai necesitar, xa que depende da fonte e da textura.



