Luz artificial I: Diferenzas entre as fontes de luz
FOTO · TILOOM
A luz é un elemento fundamental para o crecemento dos céspedes nos terreos deportivos e, por iso, é moi importante coñecer as diferenzas existentes entre distintos equipos de emisión lumínica.
A luz é unha forma de enerxía emitida como radiación electromagnética que abarca un amplísimo espectro, desde as frecuencias de radio de onda longa, que nos permite escoitar música emitida desde a fría estepa siberiana, ata os raios gamma, ondas con gran capacidade de penetración que se producen durante a desintegración dos núcleos de elementos radioactivos.

O ollo humano está preparado para ver esas ondas, pero só dentro dun rango, o espectro de luz visible.
As plantas absorben a luz do espectro visible, que se move entre os 380 nanómetros da cor violeta (a máis enerxética) ata os 780 nanómetros da cor vermella (a menos enerxética) para o crecemento das plantas. O sol é capaz de emitir enerxía electromagnética en todo o espectro electromagnético, polo que cobre completamente as necesidades das plantas.

Poderíase dicir que absorben todo o espectro, pero en realidade hai dúas cores nas que destaca a absorción grazas ás súas moléculas receptoras de luz, os picos do violeta e do vermello.
Os responsables da absorción son: a clorofila A, a clorofila B e os carotenoides.

Á hora de irradiar con luz artificial o noso céspede é moi importante coñecer cal é a fracción do espectro electromagnético que emite a lámpada, xa que unha lámpada haloxena apenas emite en violeta e un fluorescente apenas en vermello.

É por iso que se se desexa dar un achegue de radiación a zonas, por exemplo, sombreadas, é moi necesario o uso das lámpadas LED, xa que esta tecnoloxía permite a fabricación de lámpadas con espectros definidos á carta. Cos LED’s pódese fabricar unha luminaria que emita as frecuencias desexadas e así suprir as necesidades lumínicas do noso céspede.



