Efectos edáficos do dióxido de carbono II: incrustacións calcarias
FOTO · TILOOM
A formación de incrustacións calcarias de carbonato cálcico no solo prodúcese sempre que as especiacións do carbonato cálcico na auga de poro, xa sexa calcita ou aragonita, presenten índices de saturación por riba de 0,5.

Obear e Soldat., 2015, estudaron a distribución vertical do carbono inorgánico disolto total en 28 greens USGA, para comprobar se se producían acumulacións de carbonato cálcico, tal como adoita ocorrer en solos agrícolas, como consecuencia da rega con augas máis ou menos duras e de altos contidos en bicarbonato e carbonato resultantes da disolución do CO2 edáfico. O estudo presentou valores diferentes aos que se producen na agricultura. Resultou que cando o pH do solo estaba por debaixo de 7,8 o solo presentaba moi pouca cantidade de carbono inorgánico, mentres que con valores de pH por riba de 7,8 as cantidades de carbono inorgánico eran variables. Ademais, na maioría das mostras o pH aumentaba coa profundidade, sendo os valores máis altos no perfil inferior. Aqueles solos con pH ácido non presentaban trazas de carbono inorgánico, aínda que a partir de valores alcalinos, en concreto a partir de pH por riba de 7,8, a probabilidade aumentaba, se ben aínda tamén existían casos sen presenza de carbonato.

Asuncións correntes como a acumulación de costras de carbonatos cálcicos e magnésicos en perfís de greens USGA e os problemas físicos de infiltración asociados debidos á rega con augas moi alcalinas non foron probadas como certas en greens USGA, e están sendo postas en dúbida, por seren estes perfís de solo moi diferentes aos agrícolas (Carrow et al., 199; Ellis, 2009; Fidanza, 2001; Harivandi, 1999; Simmons 2010). A alta densidade de follaxe, a excesiva produción de CO2 e outras características inherentes a estas construcións deportivas fan que estes efectos comúns na agricultura non o sexan en greens USGA (Obear et al, 2015).
Unha auga de rega dura con altos contidos en carbonatos e bicarbonatos pode ocasionar costras impermeables en solos agrícolas e, con todo, esa mesma auga en greens non dar lugar a eses problemas. Todo isto debido ás altas taxas de liberación de CO2, altas densidades de follaxe e características especiais dos mesmos greens. É máis común ver incrustacións calcarias no sistema de rega que nos greens onde se aplica.




