As formas do fósforo no solo

16 OUT 2019·3 MIN DE LECTURA
As formas do fósforo no soloFOTO · TILOOM
Compartir

As formas do fósforo no solo son moi diversas. Nos solos, poucos elementos se dan de forma pura, adoitan atoparse sempre como sales, óxidos ou outras moléculas máis ou menos solubles. Igual que lle pasa ao potasio, o fósforo está moi presente no solo e é moderadamente abundante, pero a parte dispoñible para a planta representa sempre unha porcentaxe baixa do total. Para que o fósforo sexa absorbible precisa estar disolto no solo, pero este elemento combínase facilmente xerando moléculas estables e insolubles.

O fósforo ten funcións estratéxicas nas plantas como a fotosíntese, a transferencia de enerxía e a transformación de carbohidratos.

As rochas teñen altas concentracións de fósforo, pero non todas por igual. Os solos procedentes de rochas ígneas e basalto son máis ricos ca os graníticos ou as rochas sedimentarias. Os contidos típicos de fósforo total (tanto o soluble como o insoluble) nos solos varían de 150 a 700 µg/g (Wild 1988), pero mesmo con estas concentracións no solo as deficiencias nutricionais son frecuentes.

  • Fósforo dispoñible

O fósforo asimílase polas plantas como dúas moléculas inorgánicas, o H2PO4‾ e HPO4²‾, a través do fósforo presente na materia orgánica do solo e grazas á fertilización. A concentración de fósforo solubilizado de forma natural non é suficiente para cubrir a necesidade do ciclo do cultivo. Así que unha parte moi importante do fósforo asimilable sae da reposición que producen as outras fontes de fósforo do solo á fracción soluble, na súa maioría materia orgánica. O motor desta reposición é o desequilibrio que o cultivo produce no solo a través da extracción de fósforo. En cultivos de alto rendemento, a fertilización colabora en manter os altos niveis de fósforo no solo.

Tiloom - As formas do fósforo no solo - Rock Phosphate 20 to 32 .jpg 350x350
Rocha fosfórica

En solos ácidos o fósforo do solo reacciona co aluminio, ferro e magnesio e, en solos básicos, a reacción é predominante co calcio.

  • Fósforo orgánico

O fósforo orgánico preséntase normalmente nos primeiros centímetros do solo. Representa unha fonte moi importante de fósforo para o solo. Durante a súa mineralización, gran parte combínase rapidamente en formas insolubles, pero os microorganismos poden atacalo para completar os seus ciclos vitais. Esta biota representa parte da nutrición fosfórica das plantas, xa que os seus subprodutos si poden ser asimilados polos cultivos. (McKercher e Tollefson 1978, Can. J. Soil Sci. 58, 103-105). Ademais, algúns destes microorganismos participan de forma activa na exploración do solo a través de relacións simbióticas. O fósforo non se disolve con facilidade, polo que a súa mobilidade é limitada e as plantas, sen a axuda de fungos micorrícicos, só poderían contar co fósforo presente nas zonas máis próximas ás súas raíces.

O pH óptimo para maximizar a absorción de fósforo está entre 6 e 7.

  • Fósforo inorgánico

Nos solos, as rochas fosfóricas como a apatita poden ser achegas eficaces de fósforo, pero en solos alcalinos apenas teñen capacidade de disolución. En xeral, as rochas (mesmo moídas) non son formas viables de fertilización a curto prazo, xa que necesitan meteorizarse antes de poder ser procesadas polos microorganismos ou disolverse en proporcións representativas.

Como puidemos ver nesta entrada, o fósforo protagonista do solo é o presente na materia orgánica, que permite manter a concentración de fósforo soluble a un ritmo axeitado. O mecanismo de equilibrio entre o fósforo lábil e o inaccesible é un tema moi complicado de estudar. Deixámosvos un artigo científico moito máis detallado que podedes consultar para saber máis sobre as formas do fósforo no solo.

THE SCIENCE OF PHOSPHORUS NUTRITION:FORMS IN THE SOIL, PLANT UPTAKE, AND PLANT RESPONSE. Neal Menzies, The University Of Queensland, St Lucia

A nosa interpretación de análises de solo pode axudarche a tomar decisións á hora de planificar os calendarios de aplicacións, e ferramentas como POGO, TDR ou os sensores Laqua Twin son fantásticos métodos de control dos nutrientes do solo. Estes equipos permiten monitorizar o consumo de nutrientes e aforrar moito diñeiro en análises de laboratorio.

LAQUA Twin NO3

#CICLODELFÓSFORO#DISPONIBILIDADDELFÓSFORO#FORMASDELFÓSFORO#FÓSFOROENSUELO

Comentarios

…
Escribe a túa opinión

Cóntanos que precisas e responderémosche en menos de 24 h laborables.

Deixáanos o teu nome e o teu correo e comezará a descarga do catálogo en PDF.