Reguladores de crecemento
FOTO · TILOOM
Os reguladores de crecemento son compostos que alteran ou regulan o crecemento ou comportamento do céspede. Existen 5 clases segundo o seu modo de acción:

Clase A:
Trinexipac-etil, de absorción foliar, inhibe a biosíntese do ácido xiberélico na fase final. É o máis comunmente usado en superficies deportivas. Reduce a necesidade de sega, aumenta a súa uniformidade, densidade e mellora a calidade en xeral.
Clase B:
Paclobutrazol e flurprimidol, de absorción radicular, inhibe a biosíntese do ácido xiberélico na súa fase inicial. Favorece a eliminación de Poa annua en greens de Agrostis.
Clase C:
Mefluidide, de absorción foliar e radicular, inhibe a división celular no tecido meristemático. O seu uso está indicado para a diminución da formación de floración ou “seed heads”.
Clase D:
Metil-sulfometuron e glifosato, de absorción foliar, trátase de herbicidas que utilizados a baixas doses diminúen o crecemento dalgunhas especies que se presentan xunto a outras nas superficies deportivas.
Clase E:
Ethephon e ácido xiberélico, de absorción foliar, son fitohormonas producidas sinteticamente ou compostos que hidrolizan a fitohormonas, como o etephon que xera etileno. O seu uso principal é a eliminación de semente en Poa annua; o uso de etephon está indicado durante todas as épocas (xera maior densidade, crecemento ben orientado e maior vigor no estrés estival), mentres que o mefluidide se usa fundamentalmente na primavera.
Unha estratexia en novos greens de Agrostis consiste no uso de paclobutrazol para controlar a Poa annua, mentres que en greens de Agrostis antigos moi contaminados de Poa annua, recoméndase o uso de etephon para vigorizar os greens. En ambos os casos é recomendable o uso de trinexipac-etil para aumentar a vigorosidade dos greens e controlar o crecemento desmedido.



