Natureza mineral dos solos
FOTO · TILOOM
A miúdo, os solos de golf presentan as súas calles e roughs construídas sobre o solo orixinal coa súa natureza mineral, e é polo tanto importante coñecer a orixe dos distintos solos e as súas características. Unha primeira aproximación á súa comprensión parte do estudo litolóxico da zona, pois daranos información sobre a natureza do solo das nosas calles.
Así, as diferentes litoloxías que abunden nas inmediacións do campo de golf darán lugar por meteorización, erosión, etc. ao solo das nosas calles e roughs.

Os posibles horizontes de solo para as nosas calles son:
- “Móllicos”, ricos en materia orgánica, escuros, de gran espesor e ben estruturado.
- “Ócricos”, de cor clara, con pouco carbono orgánico, de baixo espesor, moi compactados cando están secos.
- “Cálcicos” con acumulacións de carbonatos cálcicos, petrocálcicos (similar aos cálcicos pero endurecidos).
- “Gípsicos e petrogípsicos” (tamén chamados xésicos e petroxésicos),
- “Árxicos” con acumulacións de arxila
A meteorización dos solos dá lugar a migracións de minerais pouco solubles (calcita), medianamente solubles (xeso), moi solubles como sales de sodio e/ou sulfatos, e incluso de partículas coloidais transportadas en suspensión.

A natureza carbonatada de moitos materiais litolóxicos determina que a lavaxe de carbonato cálcico interveña de forma moi importante na xénese de moitos solos; é o caso dos horizontes cálcicos e petrocálcicos, caracterizados estes últimos por unha forte cementación causada pola acumulación masiva de carbonato cálcico.
O proceso de gipsificación consiste na translocación en disolución de xeso desde a superficie para precipitar posteriormente en profundidade, sendo petrogípsico se é moi intensa e constitúe unha capa cementada no solo.
No caso das sales máis solubles ca o xeso, a súa mobilidade é maior, producíndose movementos descendentes e ascendentes por fenómenos de capilaridade debido a altas temperaturas e evaporación; prodúcense entón horizontes salinos.
O proceso de ilimerización ou translocación de arxila é a mobilización, por lavaxe en suspensión desta, desde un horizonte superior a outro inferior no que se deposita, dando lugar a un horizonte árxico.





