Xerminación
FOTO · TILOOM
A xerminación é un proceso delicado que require especial atención, pois unha vez iniciado é irreversible. Dentro da porción dura da semente (a cariopse), existe unha planta en miniatura completa coa primeira folla e a primeira raíz (radícula) e o recheo do espazo interno está ocupado polo endosperma, o cal provee a semente da enerxía necesaria para iniciar o crecemento. O proceso comeza coa absorción de auga e a liberación dunha hormona, o ácido xiberélico, que se absorbe polas células para á súa vez xerar unhas enzimas que converten o endosperma en azucres, que é a fonte de enerxía para o embrión. Unha vez que emerxe a primeira folla, comeza o proceso de fotosíntese.
O tempo de xerminación das sementes depende da xenética das diferentes especies. En xeral este proceso prodúcese máis rapidamente a finais de verán-outono, cando o solo está máis quente que na primavera. Así mesmo tamén é dependente da salinidade do solo.
Especie días para xerminación
Agr. palustris 6-10
Agr. capilaris 7-14
Poa pratensis 6-28
Lolium perenne 3-10
Festuca arundinacea 4-12
Festuca rubra 5-12
O uso de xeotéxtiles de xerminación é recomendable para o establecemento de calquera especie cespitosa debido á protección que ofrecen tanto ao movemento de sementes debido á acción do vento como ao fluxo da auga de rega e a que aumentan a temperatura con respecto ás zonas lindeiras. Existen diferentes grosores dependendo da necesidade de maior ou menor protección, sendo de uso común aquelas entre 18 e 25 gramos/metro cadrado.

O único efecto negativo pode ser a diminución da entrada de luz, caso unicamente producido co uso de cobertores de protección para xeadas.
As lámpadas de alta intensidade, como as de alta presión de sodio, poden ser utilizadas para aumentar a temperatura.
A prexerminación de sementes é unha técnica pola cal reducimos o tempo necesario para o establecemento das superficies a rexenerar.

A prexerminación consiste en humedecer a semente a través da inmersión en auga e a instalación en zona a temperaturas entre 15 e 20 graos centígrados.
A auga debe renovarse cada 24 horas para eliminar a secreción inhibidora da xerminación que se produce a través da propia semente. Débese axitar a semente somerxida de forma periódica.


Estes pasos han de repetirse polo menos de dous a catro días. No momento da súa aplicación ha de deixarse secar lixeiramente para poder realizar a sementeira adecuadamente.

Tamén é recomendable a aplicación con mestura de area e ou enmendas orgánico-minerais para deste xeito favorecer a humectación e achega nutricional primaria. A implementación con aireadores mellora o proceso en conxunto.



