BOMBEOS V. MODELOS HIDRÁULICOS
FOTO · TILOOM
Existen diversos programas informáticos para a análise do deseño de redes hidráulicas a presión para instalacións deportivas. Así, por exemplo, a USEPA (U.S. Enviromental Protection Agency) desenvolveu un potente software: EPANET.
EPANET é un programa que realiza simulacións en períodos prolongados do comportamento hidráulico en redes hidráulicas a presión. Efectúa un seguimento da evolución dos caudais nas tubaxes, as presións nos nós, os niveis nos depósitos e incluso a concentración das especies químicas presentes na auga. Ademais, non hai límite no tamaño da rede a procesar, contempla perdas menores en cóbados e accesorios, admite bombas de velocidade fixa ou variable, determina o consumo enerxético e os seus custos, etc.
Estas modelizacións permiten o deseño e a optimización da estación de bombeo, mediante un estudo técnico e económico das distintas solucións propostas

Con estes programas podemos calcular a curva de consigna no punto onde se sitúa a estación de bombeo, é dicir, a presión que debe subministrar a bomba segundo o nivel de demanda. Adaptando o sistema de bombeo a esta curva de consigna conseguirase manter as presións en toda a rede dentro dos valores máximos e mínimos que se establezan. Con esta curva de consigna determinaremos a estación de bombeo que mellor se adapta ás nosas necesidades.

Con estes programas, a xeración de sistemas de rega non só é máis fácil de deseñar, senón que tamén é máis doado evitar erros.
A elección da bomba correcta permitirános funcionar no seu punto óptimo, é dicir, cun bo rendemento. É aconsellable traballar con bombas en paralelo (ou bombas de velocidade variable). Deste xeito, a medida que a demanda vaia cambiando, arrancarán ou pararán un número determinado de bombas (ou modificarán a súa velocidade de xiro) de maneira que sempre funcionen preto do seu punto óptimo ou, polo menos, en zonas de rendemento aceptable.




