Algas en lagos? Solucións para evitar o desastre verde
FOTO · TILOOM
As algas son as plantas acuáticas máis comúns atopadas nas masas de auga dos campos de golf. Entre elas cabe destacar o fitoplancto, as algas filamentosas e os carófitos (macroalgas tipo Chara). É importante manter un control adecuado sobre o crecemento destas, pois crecementos desorbitados dan lugar a malas aparencias das vistas dos lagos, malos cheiros, anoxia e morte de peixes, incrustacións nos aspersores, etc.
A Chara é unha macroalga, tamén denominada ova, indicativa de boa calidade da auga. A eutrofización da auga, pola contra, acaba con elas.

O fitoplancto, constituído por cianobacterias e diatomeas, son algas que poden incrementar o seu volume rapidamente se atopan altos niveis de nitróxeno e fósforo, podendo crecer tan rapidamente que poidan mesmo diminuír o osíxeno disolto total dos lagos, dando lugar a danos da vida acuática.

Respecto ás algas filamentosas, existen moitas especies pero todas presentan un comportamento similar. O seu crecemento comeza a finais de inverno-principios de primavera, cando o aumento das temperaturas e a intensidade da luz solar activan as esporas, ata que nos períodos estivais poden unirse unhas a outras ata ocupar toda a superficie dos lagos, flotando en superficie. Tamén necesitan altos niveis de nutrientes e altas temperaturas.

A principal causa do desenvolvemento das algas son os excesos de nutrientes (nitróxeno e fósforo) que se lixivian ata os lagos. Do mesmo xeito que as plantas superiores, as algas precisan os mesmos estimulantes: nutrientes, calor e luz
Por tanto, o máis importante para a súa prevención é a minimización do nivel de nutrientes, e para iso é necesario un uso eficiente e moderado dos fertilizantes nas zonas lindeiras ás masas de auga, ademais do uso de fertilizantes de liberación lenta, nutrición orgánica ou con inhibidores da nitrificación.
O paso seguinte é a eliminación de parte dos nutrientes que xa temos presentes nos lagos a través de certos tipos de bacterias que se alimentan tamén deses nutrientes, eliminando a fonte nutricional das algas. Estas bacterias deben utilizarse a partir da primavera, pois é necesario un mínimo de temperatura de 10ºC e o pH debe oscilar entre 6 e 8.
Herbicidas de uso común son o cobre elemental ou o carbonato sódico peroxihidratado. Para o uso efectivo de herbicidas tales como o sulfato de cobre hai que ter presente que a temperaturas por debaixo de 15 °C ou dureza da auga por riba de 50 ppm, o tratamento non é efectivo.
O uso de palla de cebada está tamén moi indicado pois cando esta apodrece, produce substancias inhibidoras do crecemento e reprodución das algas (peróxido de hidróxeno). Outra estratexia é o uso de colorantes que filtran as lonxitudes de onda necesarias para a fotosíntese. As carpas herbívoras tamén poden utilizarse como métodos biolóxicos para a diminución das algas.



