Equipos de protección do bombeo – I
FOTO · TILOOM
Os equipos de protección do bombeo son esenciais para prolongar a vida útil da rede. Os sistemas de bombeo son partes vitais para o mantemento de campos de zonas de regadío e campos de uso deportivo, e nos períodos críticos temos que ter o sistema a punto.
Os maiores perigos aos que se ve sometido un sistema de rega son os cambios de presión non contemplados no proxecto. Isto fai referencia, por exemplo, ao conxunto de presións e succións que se produce nos momentos de parada e posta en marcha, perdas de subministración enerxética, ou puntos singulares non contemplados. Dando como resultado fenómenos como o golpe de ariete.
O golpe de ariete é un fenómeno que se pode producir por diversas causas, aínda que todas relacionadas coa discontinuidade brusca na subministración de auga.
Para evitar estes problemas existen distintos equipos de protección para os sistemas de bombeo.
- Ventosa.
As ventosas son dos elementos de protección máis polivalentes que existen en hidráulica. Esencialmente divídense en tres tipos de ventosas.
Purgadora – As ventosas purgadoras utilízanse para eliminar o aire que pode entrar na rede hidráulica por algún problema na aspiración ou simplemente o aire que ten a auga disolto. O aire tende a acumularse nas instalacións de auga nos puntos altos e, se non se purga, pode condicionar a correcta subministración de auga.
Ventosa bifuncional – Este tipo de dispositivo realiza dúas funcións. Por unha banda é quen de purgar o aire das tubaxes, e por outra banda permite introducir aire nos momentos nos que as tubaxes sofran presións baixas. A baixada súbita de presión pode facer colapsar tubaxes.
Ventosa trifuncional – Engádeselle unha función máis ás descritas anteriormente. As ventosas trifuncionais teñen a capacidade de expulsar auga nos momentos de sobrepresión do sistema de rega. Deste xeito a presión normalizaríase máis rapidamente, diminuíndo o impacto do golpe de ariete.
- Caldeirín.
Un caldeirín é un depósito que dispón no seu interior dunha bolsa de aire a unha presión determinada. O aire do interior da bolsa funciona como a suspensión dun coche reducindo o impacto dos baches do asfalto. A bolsa de aire é quen de absorber as sobrepresións e infrapresións do sistema. Para grandes presións e caudais é necesario o uso de caldeiríns de gran capacidade, pero é unha ferramenta de moita utilidade para manter a estabilidade nas presións da rede.
O caldeirín é un elemento que non entraña ningún perigo se se usa conforme ao establecido polo fabricante.

- Válvula de alivio rápido.
Este dispositivo é unha vía de saída de auga. Cando, por exemplo, se reduce de forma drástica a demanda de auga por parte do sistema, prodúcese unha sobrepresión puntual. As válvulas de alivio rápido tárase á presión máxima á que o sistema debe traballar e, cando esta presión se supera, ábrense de forma automática expulsando auga ata que a presión volve á normalidade.
Estas válvulas deben estar correctamente dimensionadas na presión e no caudal co que o sistema vai traballar. E son unha forma moi eficaz de diminuír a presión da rede ata niveis seguros.
Existen outros métodos para a protección da rede de rega que explicaremos en futuras entradas da Greenkeepedia.



