Cavitación: danos ocultos en sistemas de rega
FOTO · TILOOM
O fenómeno da cavitación que se pode producir nas bombas hidráulicas dos campos de golf consiste na vaporización da auga na zona de impulsión, co que a implosión das burbullas xeradas dana de forma moi importante o rodete da bomba; é a cavitación vaporosa.

É o resultado dun mal deseño do sistema hidráulico ou dun mal funcionamento del. A razón pola que se produce isto é que na aspiración non se consegue unha presión mínima, chamada NPSH (Net Positive Suction Head) que depende de cada bomba en particular (segundo a curva característica da bomba). No proceso de aspiración temos que asegurarnos de que a perda de presión que se poida producir non dá lugar a un valor menor có NPSH nominal.
Sempre entendemos que a auga ferve a 100 ºC na natureza que coñecemos, é dicir, a 1 atmosfera, pero cando nos bombeos se producen estas baixadas de presión, a auga ferve a temperaturas anormalmente baixas; isto é a cavitación e produce danos moi importantes, diminución do caudal impulsado e menor rendemento
A cavitación pode producirse no ollo do rodete de aspiración, as bolsas de baleiro aparecen no centro do impulsor, que é a zona de máis baixa presión, e desprázanse ata a súa implosión ou colapso. Tamén pode producirse no tallamar da voluta ou impulsión, situación que se presenta cando a altura de descarga é demasiado alta, desprazando o punto de traballo cara á esquerda e fóra da curva de funcionamento, sendo esta cavitación aínda máis prexudicial ca a de aspiración.
A detección pasa por escoitar un son como de martelo golpeando metal ou pedras no seu interior. A mellor forma de prevención é a medición da presión na impulsión e aspiración, ademais de medir a velocidade de traballo. Tamén pode darse a cavitación gasosa, onde gases disoltos na auga forman estas burbullas.
Existen sistemas que teñen o seu obxectivo en protexer e asegurar que o sistema de bombeo estea en óptimas condicións. Rigometer é o sistema desenvolvido por Tiloom que permite coñecer en todo momento os gastos enerxéticos, as presións en puntos clave do sistema e monitorizar completamente a calidade da auga de rega que usas.



